Tuesday 23 de April de 2024

O pleno da Deputación aproba 1 millón de euros en obras de mellora da seguridade de estradas en Oleiros e Carballo


Vías e Obras investirá 770.183 euros na ampliación e construción de beirarrúas na rúa oleirense do Souto

 

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade investimentos por importe de preto de 1,1 millóns de euros para a mellora de estradas en Oleiros e Carballo.

O proxecto oleirense suporá un investimento de 770.183,68 euros para a mellora da mobilidade peonil e seguridade viaria no ramal da estrada provincial DP 5811 (Rúa do Souto) que enlaza o núcleo de Coruxo con Santa Cruz, unha zona con edificación consolidada, con moito tránsito peonil e intenso tráfico de vehículos.

As obras suporán a ampliación da plataforma e a construción de beirarrúas con firme bituminoso nos tramos onde actualmente non existen, que estarán delimitadas por bordillos prefabricados de formigón que a separarán do tráfico rodado. Tamén se habilitarán novas zonas de estacionamento de vehículos e renovarase a rede de sumidoiros e a capa de rodadura da calzada.

Pavimentación da DP 1904 en Carballo

O pleno tamén deu luz verde ao proxecto de mellora do firme da estrada DP 1904 de Feira de Berdillo ao Mucho ao longo dos seus 2,5 quilómetros, que suporán un investimento de 310.777,69 euros.

As obras inclúen traballos previos de limpeza, fresado e regularización das zonas danadas ou deformadas e a aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente.